Margaret ‘Hap’ Brennecke Margaret Brennecke, nada en 1911 en Emmaus, Pennsylvania e finada en 2008, foi unha metalúrxica que se converteu na primeira muller enxeñeira no Laboratorio de Materiais e Procesos en Marshall da NASA. Biografía Primeiros anos e educación Margaret Brennecke naceu en 1911 na cidade de Emmaus, en Pennsylvania, Estados Unidos, filla dun profesor de música. Tras os seus estudos obrigatorios, licenciouse en química na Universidade Estatal de Ohio en 1934. Posteriormente especializouse na área da metalurxia no Instituto de Tecnoloxía Carnegie en Pittsburgh, Pensilvania, e tamén realizou outros traballos de posgrao na Universidade de Pittsburgh e na Universidade de California en Los Ángeles. Vida laboral Despois de obter o seu título, Brennecke estivo 22 anos como investigadora metalúrxica no Laboratorio de Desenvolvemento de Procesos da Compañía de Aluminio de Alcoa. Durante esta etapa investigou novos procesos para maior uso do aluminio e desenvolvemento de novas aliaxes. A Segunda Guerra Mundial proporcionoulle a oportunidade de traballar na soldadura e fabricación de aliaxes para avións, pontes e lanchas de desembarco como os usados durante a invasión de Normandía (1944), entre outros. Inspirada polo discurso de Kennedy en 1961, Brennecke uniuse ao Centro de Voo Espacial Marshall nun posto de experto en soldadura, debido aos seus amplos coñecementos das aliaxes de aluminio e os procesos de soldadura TIG (Tungsten Inert Gas) e MIG (Metal Inert Gas). Ela estivo a cargo de tomar críticas decisións sobre os materiais que se usarían para construír os diversos compoñentes do foguete Saturno V da NASA, que lanzou as misións espaciais Apolo. Foi especialmente requirida á hora de selección de materiais, resolución de problemas con tratamentos técnicos e a estrutura metalográfica necesarios para lograr unha alta resistencia e fiabilidade nas soldaduras dos tanques de combustible crioxénico, sendo o deseño destes últimos unha das súas maiores contribucións ao programa. Durante este período publicou varios artigos na revista Welding Journal e un informe técnico da NASA, e en 1974 foi membro do comité responsable de reescribir o Manual Militar 5, a fonte máis autorizada para datos de aliaxes e metais aeroespaciais. Cando os programas de Apollo e Saturno remataron, Brennecke permaneceu traballando para a NASA pero transferida á sección de selección de materiais e técnicas para Spacelab e os foguetes de reforzo do Transbordador espacial. Isto marcaría o comezo da próxima era de exploración espacial humana da NASA. Vida persoal Durante os seus anos laborables, Margaret puido gozar do seu amor polas viaxes. En 1958 percorreu Rusia, e viaxou a bordo dos barcos de carga que viaxaban cara e desde as minas de bauxita da illa caribeña de Trinidad. Por outra parte, Brennecke sufriu discriminación polo feito de ser muller, o que a levou a usar o sobrenome 'Hap' para escribir os diversos artigos e reportes, xa que non denotaba ningunha idea do xénero da persoa que o usase. Brennecke faleceu en 2008. Recoñecementos Foi recomendada para o premio da Society of Women Engineers polos seus logros que fixeran posibles diversos programas da NASA, entre os que destaca o foguete Saturno. Ademáis foi recoñecida pola NASA coma una das mulleres pioneiras máis importantes do proxecto Apollo. Bibliografía • HAYNES, Korey, 2019. Margaret “Hap” Brennecke: The woman who welded Apollo's rockets. Astronomy [en liña] [consultado 19 de outubro 2019]. Dispoñible en: https://astronomy.com/news/2019/07/margaret-hap-brennecke-the-woman-who-weldedapollos-rockets • MERKUSHEVA, Daria, 2019. In the Shadow of Apollo 11: 11 Women Engineers. asme.org [en liña] The American Society of Mechanical Engineers [consultado 19 de outubro 2019] Dispoñible en: https://www.asme.org/topics-resources/content/in-theshadow-of-apollo-11-11-women-engineers • ODOM, Bryan, 2019. Margaret W. ‘Hap’ Brennecke. [En liña] nasa.gov [consultado 19 de outubro 2019] NASA Dispoñible en: https://www.nasa.gov/centers/marshall/history/margaret-w-hap-brennecke-feature.html Enlaces externos • Informe técnico da NASA por M.Brennecke • Video informativo sobre a fabricación, desenvolvemento e probas de tanques crioxénicos pola NASA • Hiperenlaces (subliñado azul)